No pleno ordinario do pasado venres 6 de febreiro presentamos dúas mocións referidas a problemas e incidencias importantes para a veciñanza da urbanización da devesa e para todos os usuarios e alumnos do CPI que utilizan o pavillón vello e que foron aprobadas pola unanimidade da corporación municipal. Deixámosvos aquí as dúas mocións:
Moción sobre o estado e as demandas da veciñanza da urbanización A Devesa da rúa 7
Moción arredor do calamitoso estado do Pavillón do CPI Santa Lucía
A respecto da modificación de crédito 2/2015 solicitada polo goberno do PP:
Nesta primeira sesión plenaria do 2015 o goberno municipal xa presenta unha modificación de crédito. O Partido Popular continúa amosando día tras día unha nula capacidade de xestión e goberno, xa que continúan coa política de feitos consumados, sen dignarse e sentarse a dialogar co conxunto da oposición para deseñar e acordar ,ou cando menos presentalo en pleno, un orzamento anual que permita solventar e planificar tódalas accións necesarias destinadas a mellorar os servizos sociais, o desenvolvemento social, industrial e cultural e en definitiva, o benestar do conxunto dos veciñ@s. Debemos ter en conta que os orzamentos que están aprobados son do ano 2012.
O BNG de Moraña abstívose porque, malia a que compartiamos a amortización dos préstamos non compartimos o resto da modificación, pois é unha iniciativa absolutamente e vergonzosamente electoralista. Esta modificación é ‘política ficción’, xa que as partidas destinadas non serán nin moito menos suficientes para os obxectivos para os que se presentaban.