Todolos artigos de: BNG Moraña

O PP rectifica e danos a razón a respecto das taxas da ESMU

Unha vez máis, o traballo do BNG de Moraña resulta efectivo e beneficioso para os veciños, neste caso para tod@s @s usuari@s da Escola Municipal de Música: 

No pasado 3 de outubro o Pleno da corporación municipal aprobaba unha moción do BNG na que se instaba ao goberno municipal a buscar unha solución para a impartición de clases individuais de instrumento, ou, de non ser posíbel, se aplicasen as taxas de xeito correcto e conforme ao establecido na ordenanza reguladora. Lembremos que o PP pretendía aplicar as taxas sen ter en conta o establecido na ordenanza en vigor.

Pois ben, meses despois o goberno municipal de Moraña rectifica e está a aplicar agora as taxas que o BNG defendeu en pleno como xustas, despois  de que este mesmo goberno modificase unilateralmente as condicións de impartición das clases de instrumento pasándoas a clases non individuais. Cómpre dicir que esta rectificación fíxose “ao caladiño”, sen informar aos pais e usuarios da Escola e mantendo sen cobrarlles as taxas durante varios meses ata finais da semana pasada.

En todo este proceso quedou patente a coherencia e a certeza do posicionamento,  mantido e defendido dende un principio,  do Bloque Nacionalista Galego de Moraña, así como, unha vez máis, a pésima xestión política  e administrativa que o PP fixo no actual curso coa Escola de Música. Cando menos, unha vez máis o noso traballo obtén resultados efectivos e positivos, desta volta de cara ao conxunto dos usuarios da Escola Municipal de Música.

Achegámosvos de novo a devandita moción que presentaramos naquel pleno de outubro:MOCION BNG COTAS MENSUAIS ESCOLA DE MUSICA-page-001 MOCION BNG COTAS MENSUAIS ESCOLA DE MUSICA-page-002

Calendario dos actos de presentación da nosa candidatura

Este é o calendario, que iremos actualizando, dos actos de presentación da nosa candidatura nos lugares e parroquias do noso concello. Como ben sabedes, no BNG temos ademais como obxectivo claro e indispensable fomentar e poñer en valor a participación veciñal, por iso queremos poñer en común a nosa candidatura e realizar o noso programa electoral con vós, así que aproveitaremos estas presentacións tamén para,  ademais de como sempre, escoitar as vosas inquedanzas, dúbidas ou solicitudes, recoller as vosas ideas e propostas de cara á elaboración do devandito programa.  O calendario ata o momento é o seguinte:

 

Xa realizados: Corrigados (12 marzo), Alberguería (17 marzo), Espedregueira (23 marzo), Calvo (26 marzo), Amil (29 marzo), Bouza-alende-Pontellas (31 marzo), San Martiño (12 abril), Barosela (14 abril), Sa badín (19 abril), Santa Xusta (21 abril), Soar, xoves 23 de abril.

Non dubidedes en achegarvos á presentación do voso lugar ou parroquia!.

Galería de imaxes da presentación da nosa candidatura

Deixámosvos unha completa galería de imaxes da presentación da nosa candidatura o pasado sábado 28 coa que conseguimos ateigar de veciñ@s a Casa da Cultura e tamén de ilusión, forza, gañas, responsabilidade e determinación para traballar e presentarvos  dende xa a alternativa de goberno que Moraña precisa.

As fotos son de Cathy Varela e  Reis Camiña, ás que  aproveitamos para agradecer  a  súa colaboración e disposición.

 

O PP de Moraña SÍ APLICA SUBAS DE IMPOSTOS

Ante a mentira e a demagoxia da Alcaldesa na prensa: O PP de Moraña SÍ aplica e permite as subas de impostos.

A subida do recibo de auga, recollida de lixo e sumidoiros en Moraña son desgraciadamente datos obxectivos. Datos que poden corroborar aqueles veciños e veciñas que recibiron nas súas casas os recibos para facer o devandito ingreso. De feito os recibos que se están a pasar incrementan o custe nun 135% ao respecto dos últimos recibos, pois pásase de 70, 25 € a 165,42 €. Ademais, lembramos que o PP aplica os novos tributos aprobados por Lei, que son o canon da auga e coeficiente de vertedura, e que o PP de Moraña aplica sen contemplación e clara obediencia partidista.

O catastrazo tamén se aplicou en Moraña polo PP. Dato que tamén poden contrastar todos os veciños e veciñas que recibiron a taxa de 60 €. Na maioría dos casos das notificacións comunicáronse as valoracións dos ben inmobles, e que supoñerán a suba do Imposto de Bens Inmobles (IBI) en Moraña. A posición obediente do PP contrasta coa doutros concellos, onde non se permitiron actualizacións catastrais, precisamente para evitar a suba do IBI para os veciños e veciñas.

Cómpre lembrar aquel convenio da recollida do lixo que PP pretendeu asinar en Moraña. Naquela situación o PP pretendía acollerse a un convenio no que con menos servizo de recollida pasabamos a pagar 120 €/vivenda. O BNG rexeitouno desde o primeiro momento con contundencia por ser contrario aos intereses dos nosos veciños e veciñas. E ao final ó Partido Popular non lle quedou outra que botarse atrás.

Estas cuestións obxectivas contrastan coa demagoxia que emprega o PP de Moraña, e en particular a Alcaldesa, pois trata de embarrar a política e culpabilizar aos grupos políticos da oposición de trasladar información enganosa. Nós rexeitamos contundentemente e con datos reais este novo intento de engano e manipulación aos veciños e lamentamos a propia confusión que ten a Alcaldesa de Moraña, pois temos que lembrarlle que quen emprega as institucións para subirlle os impostos a veciños e veciñas é o PP., partido político ao que ela e o seu goberno pertencen e do que defenden as súas políticas e decisións con claridade e nitidez, polo que non pode vir agora mirando para outro lado e tratar de embarrar e confundir as cousas e moito menos culpabilizarnos a nós do que o PP aplica no noso Concello.

O goberno municipal está a realizar unha xestión nefasta da ESMU

Os usuarios da Escola municipal de Música teñen acumulados 4 meses sen que se lle pasaran os recibos domiciliados.  Este feito é un novo exemplo do desastre de xestión que está a realizar o PP de Moraña, que, hai que lembrar que a través do goberno municipal,  adoptou en primeiro lugar e de xeito unilateral e sen preguntar nin informar, a decisión política de facer as clases de instrumento da Escola de Música non individuais.

Neste senso, o 3 de outubro de 2014 aprobábase por unanimidade da Corporación Municipal de Moraña a moción do BNG na que se insta ao goberno municipal a buscar solución para a impartición de clases individuais de instrumento, ou de non ser posible acordar a aplicación das taxas establecidas na ordenanza reguladora: Alumnos sen clase individual de instrumento 20,00 euros.

O goberno municipal do PP  foi incapaz de buscar unha solución acaída a un problema que xeraron eles, e segue a dar mostras dunha mala xestión municipal, pois desde o mes novembro non se volveron a cobrar as taxas polos servizos municipais da Escola de Música (ESMU),  cuestión que provoca  que haxa acumulados 4 meses sen pasar os recibos domiciliados. Esta cuestión vai dificultar o pago acumulado por parte das familias. Seguir lendo O goberno municipal está a realizar unha xestión nefasta da ESMU

28F: Acto de presentación da nosa candidatura

O vindeiro sábado 28 de febreiro ás 21h na casa da cultura Castelao de Santa Lucía presentaremos a candidatura do BNG-ASEMBLEAS ABERTAS de Moraña.moraña-convite-PRESENTACIÓN-2015

Intervirán no acto varios integrantes da nosa candidatura e tamén o noso cabeza de lista Marcos Suárez.  Con este acto público aberto damos inicio a unha serie de  presentacións por tódalas parroquias da nosa candidatura, actos nos cales tamén escoitaremos aos veciños teremos moi presentes as súas ideas e suxerencias para a elaboración do  noso programa electoral de cara ás eleccións municipais do 24 de maio.

Non o dubides, e achégate ata a casa da cultura o sábado 28!.

 

Nova suba de impostos en Moraña: agora nos recibos da auga

O PP efectiviza en Moraña o canon de auga e coeficiente de vertedura nos recibos da auga.

Dende o BNG estamos a recibir queixas veciñais pola suba importante dos recibos de auga, recollida de lixo, sumidoiros, coeficiente de vertedura e canon de auga.

A cuestión é que o PP a pesar do que nos intenta vender, e máis en época electoral, está a subir indiscriminadamente os impostos e taxas aos veciños e veciñas do noso Concello.  Non hai moito que os veciños e veciñas foron notificados da variacións de valoracións catastrais de bens inmobles e que consecuentemente terá repercusión no recibo do IBI.

Agora, os veciños e veciñas do noso concello están a recibir a emisión de recibos para o pago de auga, recollida de lixo e sumidoiro, aos que lle suman as taxas de coeficiente de vertedura e canon de auga, e que fan incrementar os recibos considerablemente, chegando en casos ata un 135% no incremento.

Dende o BNG de Moraña lamentamos esta forma de facer política do  goberno municipal do PP coa súa alcaldesa ao fronte, primeiro por non ter informado aos veciños e veciñas desta suba, e segundo, por incumprir o seu programa electoral, onde se comprometía a non subir os impostos e taxas municipais.

Solicitudes, demandas e preguntas ao goberno municipal no pleno do 6-F

No pleno do pasado venres 6 de febreiro fixemos un total de 12 solicitudes, preguntas e demandas ao goberno municipal que nos achegaron moit@s veciñ@s sobre diversos temas de importancia en varias parroquias e lugares do noso concello, desta volta lugares como a Bouza, Corrigatos, As Laxes, Alende, Portamos, Conles ou a Igrexa-Lamas. Tamén solicitamos melloras en aspectos e cuestións referentes ao noso concello e ao benestar d@s veciñ@s. Deixámosvos aquí a relación das interpelacións ao grupo de goberno do PP:
1. Recollida de lixo nos días de “Feira”
Insistimos unha vez máis na necesidade de adoptar medidas sobre a recollida de lixo os días de feira.

2. Elevado ruído no Pavillón vello
Preguntámoslle á alcaldesa se ten coñecemento das queixas por elevado ruído que se dá no pavillón vello, e se se adoptaron medidas ao respecto. Seguir lendo Solicitudes, demandas e preguntas ao goberno municipal no pleno do 6-F

Xa tedes nas vosas casas un novo número do noso boletín municipal

Estes días estamos a repartir por tódalas casas  de tódolos lugares do noso concello un novo boletín municipal do BNG-MORAÑA. Neste  novo número afondamos en diversos temas nos que traballamos durante os últimos tempos dende o BNG como foi a problemática da Escola de Música, o tasazo de Sogama, o escándalo do despilfarro na rotonda da Chociña, a proposta de plan de mellora de infraestruturas viarias, ou o catastrazo. Tamén aproveitamos para presentarvos aos nosos cabezas de lista para as eleccións municipais do vindeiro mes de maio e rematamos cun artigo no que vos enumeramos todo o traballo feito durante o 2014 no plano máis institucional.

 

boletín moraña nº 6-febreiro 2015 web (1)-page-001boletín moraña nº 6-febreiro 2015 web (1)-page-002 (2)boletín moraña nº 6-febreiro 2015 web (1)-page-004
boletín moraña nº 6-febreiro 2015 web (1)-page-003

Aprobadas as dúas mocións presentadas polo BNG no pleno do pasado venres

No pleno ordinario do pasado venres 6 de febreiro presentamos dúas mocións referidas a problemas e incidencias importantes para a veciñanza da urbanización da devesa e para todos os usuarios  e alumnos do CPI que utilizan o pavillón vello e  que foron aprobadas pola unanimidade da corporación municipal. Deixámosvos aquí as dúas mocións:

Moción sobre o estado e as demandas da veciñanza da urbanización A Devesa da rúa 7

mocionurbdevesa2mocionurbdevesa1

Moción arredor do calamitoso estado do Pavillón do CPI Santa Lucía

mocionpavillonvello1

mocionpavillonvello2A respecto da modificación de crédito 2/2015 solicitada polo goberno do PP:

Nesta primeira sesión plenaria do 2015 o goberno municipal xa presenta unha modificación de crédito. O Partido Popular continúa amosando día tras día unha nula capacidade de xestión e goberno, xa que continúan coa política de feitos consumados, sen dignarse e sentarse a dialogar co conxunto da oposición para  deseñar e acordar ,ou cando menos presentalo en pleno, un orzamento anual que permita solventar e planificar tódalas accións necesarias destinadas a mellorar os servizos sociais, o desenvolvemento social, industrial e cultural e en definitiva, o benestar do conxunto dos veciñ@s. Debemos ter en conta que os orzamentos que están aprobados son do ano 2012.

O BNG de Moraña abstívose porque,  malia a que compartiamos a amortización dos préstamos non compartimos o resto da modificación, pois é unha iniciativa absolutamente e vergonzosamente electoralista. Esta modificación é ‘política ficción’, xa que as partidas destinadas non serán nin moito menos suficientes para os obxectivos para os que se presentaban.