O BNG de Moraña vai promover a presentación dunha moción para debate na Corporación Municipal para que se respecten os prezos establecidos na ordenanza fiscal reguladora dos prezos públicos pola prestación dos servizos na Escola Municipal de Música de Moraña e para que se establezan clases individualizadas tal e como demandan os pais e nais do alumnado. No BNG non imos consentir que a Alcaldesa e o seu goberno se salten as normas cando lle veña en gana e apliquen os prezos para as clases de instrumento por enriba dos establecidos na ordenanza.
A postura da Alcaldesa de cobrarlle 40 euros a alumnos agrupados nas clases é manifestamente contraria ao establecido no artigo 3.1.2 a) e b) da Ordenanza reguladora do prezo público pola prestación dos servizos na Escola Municipal de Música de Moraña (BOP 29/9/2009), que establece que:
Alumnos sen clase individual de instrumento 20,00 euros
Alumnos con clase individual de instrumento 40,00 euros
Queda ben claro que de manterse as clases de instrumento cada 2 alumnos non se lle pode establecer a cota mensual de 40 euros que a Alcaldesa defendeu na xuntanza que mantivo coa comunidade educativa da Escola de Música de Moraña, porque se estaría incumprindo por parte do Concello a norma reguladora dos prezos.
Así mesmo o BNG rexeita a actuación da Alcaldesa cos pais do alumnado, pois cunha actitude inadmisible, intolerable e indigna nun representante público, rexeita de maneira implacable calquera tipo de proposta ou modificación das condicións de agrupación de alumnos ou da redución da cota mensual que polos pais e nais se lle expoñen. Este feito pon de manifesto, unha vez máis, o seu talante antidemocrático e antidialogante con todo aquel que discrepe coa súa xestión.