O noso voceiro municipal Marcos Suárez visitou o pasado martes aos veciñ@s da Urbanización Dehesa de Campenlos situada na rúa 7 de Santa Lucía. a visita. Suárez reuniuse co conxunto de veciñ@s e recolleu a súa queixa unánime en canto ao estado da urbanización e as promesas incumpridas por parte da Alcaldesa, que leva ano e medio prometéndolle “solucións” a estes veciños sen que a día de hoxe se teña producida a máis mínima mellora.
Os veciños amosáronlle ao noso concelleiro o pésimo estado do entramado viario da urbanización e a inexistencia de alumeado público nesta zona. Ademais, o vial da urbanización presenta unha plataforma de moi pouca calidade que xa provocou nalgún caso pequenos danos nos vehículos no entronque da saída dos garaxes polas irregularidades que presenta.
O noso voceiro tamén puido constatar in situ o estado do pavimento do vial desta urbanización, un pavimento máis propio de outra tipoloxía de viais como poden ser os rurais, e tamén o lamentable estado da parcela urbana situada ao sur destas vivendas unifamiliares e que está chea de vexetación espontánea que fai que bichería de diverso tipo (culebras, ratas etc) acoda alí como hábitat natural, lembrando que nesta zona urbana residen varios nenos e nenas.
Dende o BNG-MORAÑA estamos elaborando xa unha moción a este respecto que presentaremos no vindeiro pleno esixindo que o goberno municipal cumpra as súas promesas e adopte as medidas urxentes e necesarias e resolva coa máxima celeridade posible tódalas deficiencias existentes nesta zona urbana.