O BNG vén de entregar no rexistro do concello unha moción na que denuncia os recortes provocados pola Xunta de Feijóo no centro de saúde de Moraña e demanda a restitución dun posto de traballo amortizado nos últimos meses. O BNG de Moraña considera moi negativos os recortes producidos polo Servizo galego de saúde e permitidos sen ningún tipo de discrepancia pública polo goberno municipal do PP, do mesmo cor que a Consellaría. Ademais, ve con preocupación o desmantelamento que se está aplicar aos servizos no Centro de Saúde, pois a praza de matrona non se atopa en Moraña, a praza de celador non se cubre, e o servizo de pediatría é compartido con outro Centro de Saúde.
A este respecto, os concelleiros do grupo municipal denuncian que unha praza de celador do devandito centro non se cubre dende que se producira a vacante por xubilación da mesma, hai xa varios meses, o que conleva un evidente empeoramento do servizo asistencial e eivas no apartado das funcións administrativas do centro. Ademais, o BNG puido comprobar a relación de servizos que o SERGAS ofrece no centro de saúde de Moraña, onde citan tamén un posto de pediatría, cuestión que tampouco se cumpre a día de hoxe, posto que Moraña non conta cun servizo de pediatría a tempo completo, cuestión perfectamente coñecida e sufrida polo conxunto da veciñanza.
O BNG manifesta a súa total oposición a este tipo de recortes en persoal e servizos e por iso traslada a situación do centro de saúde en forma de moción a todos os grupos e especialmente ao goberno municipal, que mantén unha inaceptable posición de non discrepancia e silencio con estes agravios en forma de recortes producidos pola Xunta de Galiza. O BNG solicita a restitución do posto de celador e a incorporación do servizo de pediatría a tempo completo e agarda a este respecto que todos os grupos municipais fagan unha fronte común na defensa da sanidade pública e dos servizos básicos da nosa veciñanza e ofrécese para iniciar e colaborar en todas as medidas de presión que sexan necesarias para conquerir a restitución destes recortes.
Moción presentada: