Un equipo para #GobernarMoraña
A organización nacionalista presenta o primeiro tramo da candidatura que concorrerá ás municipais do mes de maio
O BNG Moraña é a primeira organización política en dar a coñecer o equipo de persoas que ocuparán os seis primeiros postos da candidatura ás eleccións municipais do domingo 28 de maio.
Logo de confirmar no pasado mes de outubro que Marcos Suárez sería o candidato á Alcaldía de Moraña, agora dase a coñecer que as persoas que o acompañarán nos primeiros postos da candidatura serán Rubén Monteagudo (concelleiro e actual Responsable Local do BNG), Mariña Búa (concelleira do BNG), Lucía Silva (veciña de Amil e vice-responsábel local), Ruth Caramés (veciña de Laxe) e Diego Oliveira (veciño do Calvo en Rebón). A decisión foi tomada nunha concorrida asemblea local que respaldou o traballo feito polo grupo municipal nacionalista apostando polos seus membros para encabezar un equipo que pelexará pola vitoria electoral o 28 de maio.
Marcos Suárez, cabeza de lista do BNG, detalla que “este primeiro tramo que presentamos é un equipo para gobernar Moraña. Un equipo de persoas comprometidas que acumulan xuventude, ilusión e futuro, pero tamén unha ampla experiencia no traballo feminista, social, cultural e experiencia e de xestión no ámbio da administración público e sector privado. Suárez continúa relatando que “este equipo para gobernar Moraña está formado por mulleres e homes coñecidas e relevantes no noso concello, plenamente conscientes de que Moraña merece máis e preparadas e ilusionadas para traballar no proxecto de futuro que dende o BNG temos deseñado para imprimirlle un cambio de rumbo a Moraña a partir do 28 de maio”.
Suárez é consciente de que “a veciñanza está ollándonos con moita atención e agardando unha alternativa seria e fiable para iniciar un novo e necesario ciclo en Moraña, algo que está máis preto ca nunca. Dende o BNG podo asegurarlles que tanto as persoas que formamos o primeiro tramo xunto co resto das 21 mulleres e homes da candidatura formamos un equipo sólido e de garantías para gobernar, xestionar , modernizar e devolverlle o peso político que Moraña perdeu. Estaremos á altura”. A lista completa do BNG de Moraña, que incluirá varias novidades máis, está previsto que sexa presentada publicamente a todas as veciñas e veciños o domingo 16 de abril nun gran acto público no que o BNG de Moraña xa está traballando e planificando.#PreparadasparaGobernarMoraña#MorañaMereceMáis Moraña, 15 de marzo de 2023 – Imaxes de Cathy Varela ———————
—————– Breve referencia sobre as persoas do primeiro tramo da candidatura
Marcos Suárez Redondo é o actual Portavoz do BNG de Moraña. Ten 49 anos, veciño de Mos en Saiáns, está casado e é pai de dous fillos. É Enxeñeiro Agrónomo e Enxeñeiro Técnico en Industrias Agrarias e Alimentarias e é funcionario da Xunta de Galicia.
Mariña Búa González, veciña de santa Lucía, ten 30 anos, é Farmacéutica e Dietistanutricionista. Rexenta unha empresa local de cosmética natural. Implicada no movemento nacionalista e no tecido asociativo local dende moi nova.
Lucía Silva Gago, ten 25 anos, veciña de Amil. Taberneira de nacemento, xurista de formación. Foi Secretaria da Comunidade de Montes de Amil. Implicada no movemento nacionalista dende moi nova.Rubén Monteagudo Fernández, ten 37 anos, veciño de Santa Lucía, pai, músico, mestre de educación musical e Secretario Comarcal da CIG-ENSINO. Presidente do Club Acuático Umia. Participa dende moi novo no tecido cultural e asociativo de Moraña e na actualidade é presidente da Asociación cultural Peña Espetados.
Ruth Caramés Blanco, ten 43 anos, veciña de Penagrande na parroquia de Laxe, nai. É licenciada en Bioloxía e posgrao en Enxñería Ambiental e ilustradora gráfica. Foi fundadora de Fabaloba, cooperativa de xestión cultural e dinamización lingüística. Colaboradora do xornal Nós Diario.
Diego Oliveira Aboy, ten 31 anos, veciño do Calvo en Rebón. É enxeñeiro de Minas e Master en Enxeñería Ambiental. Ampla experiencia no sector medioambiental e na redacción e execución de proxectos tanto do sector público como privado. Deportista aficionado dentro do mundo do ciclismo.