Os usuarios da Escola municipal de Música teñen acumulados 4 meses sen que se lle pasaran os recibos domiciliados. Este feito é un novo exemplo do desastre de xestión que está a realizar o PP de Moraña, que, hai que lembrar que a través do goberno municipal, adoptou en primeiro lugar e de xeito unilateral e sen preguntar nin informar, a decisión política de facer as clases de instrumento da Escola de Música non individuais.
Neste senso, o 3 de outubro de 2014 aprobábase por unanimidade da Corporación Municipal de Moraña a moción do BNG na que se insta ao goberno municipal a buscar solución para a impartición de clases individuais de instrumento, ou de non ser posible acordar a aplicación das taxas establecidas na ordenanza reguladora: Alumnos sen clase individual de instrumento 20,00 euros.
O goberno municipal do PP foi incapaz de buscar unha solución acaída a un problema que xeraron eles, e segue a dar mostras dunha mala xestión municipal, pois desde o mes novembro non se volveron a cobrar as taxas polos servizos municipais da Escola de Música (ESMU), cuestión que provoca que haxa acumulados 4 meses sen pasar os recibos domiciliados. Esta cuestión vai dificultar o pago acumulado por parte das familias.
Non obstante para o BNG o máis grave é que o goberno do PP dificultou e impediulle ás familias estar ao corrente no pago das taxas dos servizos da ESMU, pois non permitiron o pago en ventanilla, a pesares de que a ordenanza reguladora nos seus artigos 5 e 6 o contemplan.
O BNG lamenta que o goberno municipal non fose quen de resolver os problemas que xurdiron froito dunha unilateral e errónea decisión política, e lamenta que non mantivera informados aos pais e nais sobre as decisións adoptadas en todo momento. Consideramos fóra de lugar que non se permitise aos usuarios exercer o seu dereito de estar ao corrente dos pagos mensuais tal e como recolle a ordenanza reguladora. Desde o BNG consideramos un despropósito esta situación que creou o goberno do PP de Moraña, polo que imos requirir a regularización inmediata da situación das taxas.