O BNG trasladoulle ao goberno municipal de Moraña a necesidade de coñecer os efectos sobre os cidadáns do catastrazo. O goberno sempre minimizou o impacto económico que tería para os cidadáns alegando que so supoñía unha regularización.
No BNG sempre botamos de menos a grave falta de información a todos os veciños e veciñas, polo que consideramos que ao PP interésalle que algunhas cousas non se saiban, sobre todo se teñen que ver coa aplicación de taxas e impostos que graven aos cidadáns do noso concello.
A día de hoxe xa foron notificados moitos veciños e veciñas de Moraña con propostas de resolución de alteración catastral, acompañada en todos os casos dunha taxa de regularización de 60 € por inmoble. É importante sinalar que os efectos derivados da regularización poderán trasladarse nos recibos IBI dos últimos catro anos.
No BNG criticamos ao goberno por non terse anticipado e trasladar información básica aos cidadáns, e tamén por ter minimizado o seu impacto económico, cando sabe que despois de establecer nas novas ponencias unha suba de valores catastrais, o imposto do IBI vai supoñer una suba para todos os veciños e veciñas. Non obstante no BNG temos detectado que non todos os inmobles entraron na regularización, polo que consideramos que debería facerse un rastrexo e unha revisión en condicións, para que se aplique en igualdade de condicións para todos os cidadáns.
Non podemos permitir que se faga unha regularización dirixida en función de criterios pouco obxetivos, porque non sería xusto que uns veciños se vexan afectados por este proceso e outros non. Por iso solicitamos rigor nos traballos de verificación dos inmobles revisados. Por iso no BNG propoñeremos que o goberno municipal promova xuntanzas informativas ao respecto da regularización catastral, ao tempo que solicitaremos que o goberno demande da Xerencia do Catastro de Pontevedra que o procedemento de regularización se aplique en condicións de igualdade.