Esta noite, ás 21:30h está convocado un novo pleno ordinario do concello de Moraña. Dende o BNG-MORAÑA continuamos a ser o único grupo da oposición que presenta medidas e propostas, desta volta en forma de 4 importantes mocións que vos detallamos a continuación:
– Moción para a modificación do proxecto de urbanización no entorno do centro de saúde.
Propoñemos á Corporación solicitar cos servizos municipais un informe sobre se a actuación a executar ten ca bida conforme a situación urbanística do concello, dado que a zona de actuación está nun ámbito no que as determinacións do novo planeamento supoñen modificación da ordenación urbanística vixente. Tamén instamos ao goberno municipal do concello de Moraña a redefinir o proxecto de urbanizar e construír aparcadoiros no Contorno do centro de Saúde de Santa Lucía, de xeito que se adecue ao espazo de valor natural da Carballeira da Feira Vella.
– Moción pola defensa da pluralidade e a participación política e contra a reforma electoral que pretende o PP
Con esta moción demandamos que o Concello de Moraña inste ao Goberno Galego a manifestar a súa rotunda oposición á proposta de reforma da lexislación electoral formulada polo Goberno do Estado que ten como finalidade que ostente a alcaldía a lista que resulte máis votada, reforzando deste xeito a concentración do poder municipal en órganos unipersoais e vulnerando a expresión do pluralismo político da cidadanía e a súa capacidade de participación e control da xestión pública municipal. Así mesmo tamén instamos a dirixirse ao Goberno do Estado coa finalidade de instar unha modificación do sistema electoral que favoreza unha mellor expresión nos órganos de representación da pluralidade política da cidadanía e unha maior participación no impulso e decisión das políticas públicas.
– Moción referida ás cotas mensuais de ensinanza establecidas na ordenanza reguladora do prezo público pola prestación dos servizos na ESMU (Escola municipal de música).
Con esta moción instamos a que o goberno municipal, a través da Área de Cultura, estude todas as posibilidades para manter as clases de instrumento individualizadas tal e como se viñan desenvolvendo en cursos anteriores e tal e como demandan a maioría dos pais e nais. Tamén demandamos que, de non ser posible técnicamente o proposto no punto 1, se lle pase a cota que establece a ordenanza aos alumnos/as que se vexan agrupados nas súas clases de instrumento por ser a establecida oficialmente , e non a que defende a Alcaldesa. Por último, demandamos que o goberno municipal volva convocar unha xuntanza á comunidade da ESMU, que dé conta desta moción e que pida desculpas aos pais e nais pola mala información.
– Moción para solicitar o rexistra o do concello no dominio .gal
Instamos ao Goberno municipal para que rexistre e active o seu enderezo .gal nos prazos estabelecidos pola asociación que xestiona o dominio galego.
Instamos ó Executivo Municipal para que estableza un plan local de promoción entre as diferentes entidades e asociacións locais co obxecto de que comecen a mudar as súas páxinas web cara o .gal incluído o preceptivo asesoramento para a migración de todos estes enderezos cara a este novo dominio que nos identifica como país.