No pleno do pasado venres fixemos un total de 14 preguntas, demandas e suxestións ao goberno municipal que nos achegaron moit@s veciñ@s sobre diversos temas de importancia en varias parroquias e lugares do noso concello, desta volta lugares como San Lorenzo, Sabadín, Santa Lucía, A Amil , así como solicitudes e iniciativas para mellorar diversos aspectos e cuestións referentes ao noso concello e ao benestar d@s veciñ@s. Deixámosvos aquí a relación das interpelacións ao grupo de goberno do PP:
1.- O CONCELLO DEBE DAR EXPLICACIÓNS E TRANSPARENCIA AO RESPECTO DO CATASTRAZO
Dende o BNG-MORAÑA queremos unha explicación pública de como vai afectar o Catastrazo no noso Concello. Pensamos que o goberno municipal debe ser o máis transparente posible e tamén a respecto do Catastrazo, xa que é unha cuestión que afecta a un número considerable de veciñ@s.
2.- O CONCELLO CONTINÚA A PERDER POBOACIÓN
O BNG quere saber que medidas vai adoptar o concello ao respecto de conseguir 5000 habitantes. Lembrámoslle ao goberno municipal que neste senso houbera unha proposta feita polo PP cunha moción que está aprobada.
3.- PLAN DE OBRAS VIARIAS PARA O ANO 2015
O noso portavoz Marcos Suárez preguntoulle ao goberno municipal se tiña definido un plan de obras viarias para o ano 2015. A este respecto tamén demandou explicacións arredor das actuacións que se incluíron no Plan Marco.
4.- SANEAMENTO EN SABADÍN E BOMBEO EN PORTAMOS
Continúa sen estar arranxado o Saneamento solicitado polo noso grupo xa hai máis dun ano no lugar de Sabadín, queremos saber cal é o estado desta obra, así como o estado da obra de bombeo en Portamos ante a previsión de novas choivas nas vindeiras semanas.
5.- PISTA DEPORTIVA DA AMIL
Unha das promesas do Partido Popular antes de chegar ao goberno era o proxecto de cuberta da pista deportiva da Amil. 3 anos e medio despois continuamos sen saber nada. Finalmente vaise a realizar?, hai realizado xa algún tipo de xestión?
6.- GRADARÍA DO PAVILLÓN VELLO DE SANTA LUCÍA
Dende o BNG queremos sinalar que a bancada do pavillón vello está roto. Deberíase cambiar ou arranxar canto antes, xa que este pavillón tamén é utilizado polos nenos do CPI.
7.- PONTE DOS PORTIÑOS
A respecto desta ponte temos varias preguntas:
– Como van as obras da Ponte dos Portiños?
– Previsións remate? Que saben de ocupacións ilegais de fincas?
– Quen dirixe a obra?
– Con que criterios se encargou a redacción do proxecto(técnico que asina é fillo dun recoñecido militante do PP)
8.- SEN NOVAS SOBRE A LIMPEZA DO PERÍMETRO DO CPI
Nun dos plenos do 2014, o grupo municipal do BNG solicitoulle ao grupo de goberno que intentase facer unha limpeza integral no perímetro do CPI Santa Lucía debido ao seu mal estado en liñas xerais. A este respecto comprobamos poucas novidades, por iso preguntamos cales son os avances hai ao respecto da limpeza do perímetro do devandito centro público.
9.- SEN NOVAS SOBRE O ARRANXO DE MARQUESIÑAS DE DIVERSAS PARROQUIAS
Outro dos incumprimentos da Alcaldesa, que en plenos anteriores prometera o arranxo destas marquesiñas. Por iso temos que volver preguntarlle cales son avances hai ao respecto de marquesiñas para Sta Xusta, Paraños e Chan (Amil).
10.- PRAZA DE ABASTOS DE SANTA LUCÍA
A que se debeu a visita coa Aparelladora á Praza de Abastos? Non hai un proxecto xa redactado?.
11.- ESTADO DA ACTUACIÓN PREVISTA NA CARBALLEIRA DA FEIRA VELLA
Que pensa facer o goberno municipal ao respecto da Actuación prevista na Carballeira da Feira Vella?.
12.- LICENZA PARA EXECUTAR OBRAS NO POLÍGONO MIRALLOS
Dende o BNG queremos saber o ocorrido ao respecto da entrega da licenza a unha empresa para executar obras no Polígono de Mirallos?.
13.- NOVO VERQUIDO NUN RÍO DE MORAÑA
Solicitamos tamén información arredor de se hai constancia dun verquido a un río en Moraña que se produciu o 3 de decembro (mércores).
14.- LIMPEZA NO MERCADO (FEIRA) DE SANTA LUCÍA
Voltamos a comprobar dende o grupo municipal do BNG a falta de limpeza despois das feiras mensuais de Santa Lucía e rogamos ao goberno municipal que tome medidas ao respecto.