O BNG de Moraña vén de renovar o seu Consello Local nunha asemblea celebrada pasado sábado 22 e que conclúe a renovación de cargos iniciada coa XV Asemblea Nacional, onde por unanimidade se escolleu a proposta presentada pol@s compañeir@s, encabezada por Rubén Fernández Monteagudo.
Ademais, os militantes BNG de Moraña escolleron ás persoas que acompañarán a Rubén no grupo de traballo da dirección da formación na nosa localidade: Susana Fuentes, Diego Oliveira, Mariña Búa e Enrique Fernández, que traballarán en coordinación cos nosos concelleiros Marcos Suárez e Eva Villaverde.
Rubén Fernández é veciño de Santa Lucía onde naceu hai trinta anos, e é mestre no ensino primario, traballando actualmente na CIG-ENSINO, organización sindical maioritaria do ensino público galego. Rubén participa como acordeonista de diversos proxectos musicais na actualidade e tamén colabora dende hai anos no tecido asociativo do Concello, entre outras na Asoc. Cultural Chinguilipé. Fai parte, ademais, da dirección da Escola Municipal de Música.
A nova dirección do BNG-Moraña quere revitalizar á organización local e achegar máis persoas a participar da súa actividade política local. Segundo o novo responsable local, “Queremos ser unha ferramenta para a participación da veciñanza nas decisión políticas” e amosan a súa disposición “a recibir propostas de persoas e colectivos” para as cales iniciarán nas vindeiras semanas roldas de contactos e asambleas abertas para, ademais “informar da súa posición política en diferentes temas de actualidade do noso concello”. Ademais, dende o Consello local inciden na disposición á contribución de que o BNG sexa “unha peza clave na derrota do PP nas vindeiras eleccións autonómicas e estatais”.